Inhouse, gañador do FIXA 2014

Allariz, que aposta un ano máis polo paisaxismo de calidade como elemento de dinamización local, mostrará de novo 10 xardíns efémeros, a partir do 17 de maio.

 

Este ano, ademáis de ver, oler e sentir estas obras de arte verde, os máis de 40,000 visitantes que pasan polo recinto nos seis meses que permanece aberto poderán tamén escoitalos, pois a Música no Xardín é o tema central.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz volve encher o calendario paisaxístico co seu orixinal formato, único en España, que aposta pola calidade profesional das propostas que participan no concurso e mantén a porta aberta a novos talentos.

Este ano, poderanse observar lugares de contemplación para escoitar a música interior e labirintos que recrean o camiño cara ao canto de sereas, que se reproduce en pequenos dispositivos ao longo do xardín. Músicas que nacen coa visita aos xardíns, movendo bambú ou pisando grava volcánica e triturado de cunchas de mar. Un director para orquestar as mil cores das flores e ata un xilófono feito de cañas para facer música “natural”. Todos estes son elementos singulares que os paisaxistas participantes destacarán nas súas instalacións grazas á música que lles inspirou.

Compoñen esta edición 2015 do Festival de Xardíns de Allariz os seguintes participantes: «Soundwave» de Austria, » A la Imagine de Allariz» de Paraguai, «Recolectoando Notas» de Zamora, «Big Bamboom» de Francia, «Armonie Interiori» de Italia, «Musicalidad de Bambú» de Barcelona, «Sinestesia» de Madrid, «Cantos de Sirenas»da Coruña, «#SoundTree» de Portugal e «Sinfonía Vegetal» de Barcelona. Completan as parcelas o xardín dos escolares de Allariz e «In- House», gañador na edición do ano pasado.

Este ano, o xurado presidido polo paisaxista portugués Francisco Caldeira Cabral – e no que colabora a Asociación Española de Paisaxistas – valorou a harmonía entre criterios estéticos e técnicos, a creatividade e innovación, así como aspectos relacionados coa execución dos xardíns. Deste xeito seleccionaronse as 10 propostas que quedarán sometidas á votación do público entre maio e outubro, meses nos que se desenvolve o festival. Xunto a estas, manténse o xardín gañador da edición anterior, “In – Hourse” do coreano Takyung Kim, e o xardín que cada ano realizan os escolares alaricanos, e que é moi ben valorado aínda que non entra en concurso.