O popular José Luis Ferro defende que o fai “non por motivos económicos, senón por motivos legais”.
O alcalde de Celanova, José Luis Ferro, recurrirá, xunto aos seus concelleiros Máximo Losada, Pilar Regueiro e Manuel Domínguez, a sentenza do xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Ourense que ratifica a baixada de salarios acordada pola oposición en xullo de 2013. Entende Ferro que o procedemento administrativo que se seguiu para tomar ese acordo “saltouse completamente” e discrepa “totalmente” do fallo xudicial.
O acordo plenario deixaba o soldo do alcalde de 2.350 euros brutos ao mes (fronte aos 3.714 euros anteriores), e unha retribución parcial para o concelleiro de Urbanismo de 16.110 euros brutos anuais, divididos en 14 pagas. Ademais, retiraba as retribucións aos concelleiros de Obras e de Medio Ambiente.
A sentenza do Contencioso-Administrativo afirma que existe “motivación” para esta baixada de soldos acordada pola oposición –a situación de crise económica- e que “no se trata de una reducción hasta límites que puedan rayar lo inaceptable o injustificable o que impida al alcalde desarrollar sus funciones co normalidad”. O fallo só anula o apartado do acordo plenario que establecía o incremento anual das retribucións de acordo ao IPC.
“Non me preocupa o meu soldo, preocúpame que se cumpra a legalidade”, asegura o político popular, que acusa aos representantes de BNG, PSOE e concelleira non adscrita de aprobar un acordo “a sabendas que de o procedemento que aprobaban non era legal”, isto é, dunha posible prevaricación. Con todo, Ferro non sabe se presentará denuncia a este respecto, “primeiro temos que solucionar este, que é unha batalla longa”. E engade que aínda que a xustiza lle acabe dando a razón, “eu non ía cobrar nin un céntimo deses cartos”.
O rexedor de Celanova recoñece, iso si, que o salario do seu antecesor no cargo, Antonio Mouriño, (52.375 euros brutos anuais) era “un pouco elevado” por iso ao asumir o posto en outubro de 2012 decidiu recurtalo nun 20% e outro 7% da paga extra. “Púxenme o salario que estaban cobrando tanto secretario como interventor, 2.500 euros líquidos”. Logo do acordo plenario, Ferro cobra ao mes 1.709 euros netos, “12.000 euros menos por debaixo do que marca a lei”, subliña.
Asemade, Ferro critica que a oposición lle estea xerando gastos ao Concello de Celanova neste procedemento, mentres que el e os outros tres edís populares pagan o recurso “do seu bolsillo”.
Valoración do BNG
Desde o BNG, que xunto a PSOE e edil non adscrita aprobara a baixada de salarios do grupo de goberno de Celanova, amosaron a súa satisfacción pola sentenza “na que nos dá a razón cando no seu día decidimos a rebaixa do soldo do alcalde de Celanova e a redución das dedicacións parciais de tres e unha».
Argumentaban, daquela, que un concello como Celanova non podía seguir soportando un soldo como o do anterior rexedor, Antonio Mouriño, de 52.375 euros brutos anuais, máis tres dedicacións parciais polo contexto de crise económico. Os nacionalistas pensan que co soldo actual, de 2.350 euros brutos ao mes, o alcalde “non quedaba, nin moito menos, en situación de precariedade económica a nivel persoal”.
Remarcan tamén que esta redución de salarios supuxo un aforro para as arcas municipais de preto de 52.000 euros anuais. E piden que todos os gastos deste procedemento xudicial sexan asumidos polos denunciantes “dos seus propios petos”.