Os alcaldes de Verín e Vilardevós, Juan Manuel Jiménez e Manuel Cardoso, presentaron a posta en funcinonamento dunha ‘Unidade de condutas aditivas’, unha iniciativa impulsada desde os dous municipios co obxecto de fomentar o estilo de vida saudable.
A iniciativa créase no marco do programa de prevención da drogodependencia e outras condutas adictivas no eido local, que conta co apoio da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Nace do compromiso dos concellos de Verín e Vilardevós na loita contra a drogadicción e, en xeral, contra todo tipo de condutas aditivas. Este proxecto común tamén busca promover o desenvolvemento de competencias ligadas a factores protectores, nos ámbitos das habilidades sociais e cognitivas, para o autocuidado e a busca dunha vida saudable.
A ‘Unidade de Condutas Aditivas’ está situada fisicamente na planta baixa da Casa da Xuventude de Verín (Avenida de Portugal, 11 bis), e entre as actuacións e funcións que farán efectivo o seu funcionamento están atender, informar, asesorar e formar en relación coas drogas; previr a drogopedencia nos ámbitos educativo, familiar, xuvenil, laboral, poboacións vulnerables, programas en clave de xénero e outras actividades transversais de información-sensibilización.