Estará na localidade o 13 de abril, de 12.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas.
O vindeiro luns 13 de abril, a caravana de ‘Os Bolechas’ estará na praza García Barbón de Verín dentro da proposta de dinamización para o público infantil “Os Bolechas van a Ourense”, que percorre ao longo dos próximos días nove municipios da provincia de Ourense, entre os que se atopa a vila de Verín.
O conto “Os Bolechas van a Ourense” narra as aventuras dos irmáns no aniversario da súa curmá, Ying. Cando están todos na mesa para soprar as candeas, Ying recorda que ten moitos amigos e quere que estean na súa festa, así que marcha a buscalos nun autobús de dous pisos co que percorre toda a provincia recollendo os amigos, que a agasallan con produtos típicos das súas zonas. A visita a Verín terá lugar este luns no seguinte horario: de 12.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas.
Os cativos que se acheguen á caravana de ‘Os Bolechas’ poderán participar en actividades totalmente gratuítas como obradoiros de debuxo ata ludoteca con xogos para divertirse e aprender cos Bolechas, así como material para manualidades, libros e ordenadores onde acceder a xogos e actividades. Tamén estará dispoñible o karaoke e a sala de cine do autobús, dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas
Ademais do conto e das actividades, todos os que se acheguen ao autobús recibirán como agasallo o libro “Os Bolechas van a Ourense” e entrarán no sorteo de libros e material dos Bolechas; e por suposto, poderán saudar aos seis irmáns creados por Pepe Carreiro.