A Casa Consistorial da vila ourensá será este venres a partir das 21:30 horas a pantalla de Big Ciencia, unha innovadora actividade de divulgación que chega esta primavera a localidades das catro provincias.
Big Ciencia é o novidoso concurso para todos os públicos sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria. Big Ciencia terá tamén na localidade ourensá de Verín un escenario de luxo, ao proxectarse as preguntas e respostas do concurso a grande escala sobre a Casa Consistorial. O xogo comezará ás 21:30 horas e nel poderán participar todos os veciños e veciñas que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.
O obxectivo desta actividade organizada pola Axencia Galega de Innovación é achegar a ciencia e a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa vila. Trátase dunha acción de divulgación científica que conta cun espectacular e innovador formato, xa que combina ao aire libre o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.
Un formato espectacular
A proxección das preguntas e respostas sobre as fachadas de edificios de características moi diferentes é o que fai que este orixinal evento resulte espectacular, convertendo cada acción en única.
A mecánica do Big Ciencia é moi sinxela, co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos e idade. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que como quedou demostrado nas citas anteriores engancha desde un principio dada a súa axilidade.