O Goberno galego velará porque este desenvolvemento urbanístico se realice de acordo cos obxectivos de harmonización establecidos no proxecto de cooperación transfronteiriza que representa a Eurocidade Verín-Chaves.

 

O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Verín para o financiamento, con 110.338 euros, da redacción do Plan especial de protección e reforma interior do núcleo Histórico e do Barrio de San Lázaro (PEPRICH).

Unhas das razóns que xustifican a necesidade de establecer esta colaboración é o feito de que o Concello de Verín forme parte dunha Eurocidade coa vila lusa de Chaves, que ten, entre os seus obxectivos, a harmonización e a compatibilidade de instrumentos de xestión do territorio, que deben ser especialmente protexidos e potenciados fomentando un equilibrio territoriale reducindo o risco de usos distintos ou planificacións asimétricas que dificulten a ordenación da eurocidade como único territorio.

O municipio de Verín conta na actualidade cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado en decembro de 2012; neste documento xa se recollía a necesidade de redactar un plan especial de protección e reforma interior para o Núcleo Antigo e o Barrio de San Lázaro.

O Núcleo Antigo de Verín sofre certa degradación motivada polo desprazamento da centralidade urbana e envellecemento da poboación; o patrimonio en proceso de deterioración e deficiencias en infraestruturas urbanas como dotacións, equipamentos e problemas de accesibilidade e mobilidade e a falla de condicións de habitabilidade e de actividade comercial.