No contorno do Pozo do Demo, atópase o xacemento arqueolóxico do Bouzadoiro, que nas vindeiras semanas será recuperado por parte do Concello de Verín, co obxecto de poñelo en valor así como o espazo natural e paisaxístico no que está situado.
Esta iniciativa lévase a cabo tras a recuperación do Camiño dos Carros, unha antiga vía que comunicaba o núcleo de Cabreiroá (Verín) coa Veiga das Meás (Vilardevós), ademais da restauración e ampliación de rutas de sendeirismo, adaptación e sinalización das mesmas e recuperación do camiño de acceso á Garganta do Pozo do Demo. Unhas actuacións realizadas polos obradoiros de emprego ‘Pozo do Demo I e II’ co fin de mellorar este contorno natural de características excepcionais pola súa flora e a impresionantes vistas sobre o val do Támega.
O Bouzadoiro é un xacemento arqueolóxico que presenta forma cadrada, uns 1.700 metros cadrados, e aparencia de pequena vila romana. Trátase dunha tipoloxía moi similar á que se presenta no xacemento da Muradella -situado en Mourazos, que está catalogado e protexido polo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Verín, e onde se atopou a estatua de Dioniso e Ampelos conservada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Esta actuación de revalorización realízase máis de sesenta anos despois dos traballos pioneiros do arqueólogo verinés Xesús Tabaoda Chivite, que escavou unha parte do xacemento a finais de 1940. “Trátase dun reto apaixonante”, indicou o a rexedor Juan Manuel Jiménez, “que vai ser realizado por unha empresa que ten experiencia neste eido”. A primeira fase deste proxecto de revalorización está conformado polas seguintes actuacións: limpeza do xacemento, xeorradar, excavación e sinalización do mesmo.