Será este 22 de abril pola tarde. Nela os cativos gozarán de xogos e obradoiro, merenda e visita ao parque de Chaves.
Este 22 de abril a partir das 16 horas, a aula do Colexio Rural Agrupado Monterrei en Feces de Abaixo acollerá a celebración da ‘Festa da Primavera’ na que participarán os alumnos deste centro educativo así como todos os menores que forman parte dos diferentes programas desenvolvidos pola Escola de Familia Municipal, como ‘Kero-Kolo’, ‘Kero-Kedar’ ou ‘Kero-Kedar +’, entre outros.
Esta festa tamén estará aberta a todas aquelas familias con nenos que queiran participar e disfrutar dun día de primavera, así como coñecer esta aula do CRA Monterrei, un centro educativo cunhas características pedagóxicas e ambientais de gran nivel, que atende ás necesidades do alumnado e familias, contando tamén con profesores especializados ao igual que os demais colexios.
O alumnado e profesorado compartirán cos membros da Escola de Familia de Verín unha tarde de xogos, nun espazo físico inmellorable, no que os nenos poderán coñecer unhas instalacións educativas que combinan os medios máis modernos coa natureza e o aire libre, impulsando un ambiente con carácter socializador e cooperador no que os valores de respecto pola natureza e polos seus semellantes están moi presentes. Tras unha tarde de xogos e obradoiros lúdicos, seguida dunha merenda, os menores visitarán o parque de Chaves para finalizar esta actividade de ‘Festa da Primavera’.