Para o candidato do PP á presidencia da Deputación, ambas formacións foron incapaces de presentar candidaturas en todos os concellos «por lembrarse de que existen só en época electoral».

 

Baltar sinalou que as «desafortunadas» declaracións públicas de socialistas e nacionalistas «reflicten o estado caótico das dúas organizacións»  e recalcou que ambas formacións «foron incapaces de presentar candidaturas en tódolos concellos por lembrarse de que existen só en época electoral».

No caso particular do BNG, Manuel Baltar afirma que «supérase cunha nova ocurrencia. Rirse da democracia e enviar como paracaidista ao que queda do que un día foi unha forza nacionalista de referencia é ao que pode aspirar esta formación». No tocante ao seu voceiro nacional, Xavier Vence, considera que «amosou de novo unha absoluta ignorancia sobre o municipalismo. Falou de ‘extorsión’, imaxino que traizoándolle o subconsciente ao celebraren este ano os 25 do episodio máis noxento da historia política de Galicia: a toma do Concello en Allariz por procedementos nada democráticos».

«O esperpento deste profesor define claramente o estado putrefacto do BNG: todo o mundo o abandona, tanto cargos públicos (que marchan a outras formacións) como militantes (que non os atopan en máis da terceira parte dos concellos da provincia)», di o presidente provincial dos populares.

No tocante a Raúl Fernández e ao actual equipo directivo do PSOE na provincia, Manuel Baltar considera que «foron e son o lastre que impide progresar ao socialismo en Ourense. Con nulo traballo orgánico e enfrentamentos vergoñentos como o da cidade de Ourense».