Trátase dun evento no que colabora a Deputación e que se celebrará o vindeiro 2 de maio en Ribadavia no contexto da Feira do Viño do Ribeiro.
A presentación do «V Encontro de bandas de gaitas» contou coa participación do director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo; o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco; o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, e o concelleiro de Cultura de Ribadavia, José Prieto.
O programa de actividades inclúe, previamente ás actuacións do encontro de bandas de gaitas, un desfile das agrupacións participantes que, a partir das 12.00 horas, actuarán na Praza Maior de Ribadavia. Nesta edición recibirá un homenaxe a cantareira Eleisa Rosendo Vidal, de Amiudal-Avión, quen aos seus 82 anos segue en activo como cantareira e pandeireteira. Asemade, ao remate do encontro actuará o dúo Óscar Ibáñez & Marco Foxo.
Como actividade previa, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense actuará o día 1 de maio no Castelo de Ribadavia interpretando por primeira vez no seu repertorio o himno da provincia de Ourense, Ourense no solpor, de Manuel de Dios, o que suporá a estrea de dita composición musical por parte dunha banda de gaitas. O himno interpretarase tamén na Praza Maior por parte de gaiteiros e cantareiras.