Esta iniciativa comeza o 22 de xuño e remata o 9 de setembro, e está dirixida a nenos de entre 3 e 13 anos.
Este luns 4 de maio abre o prazo de inscrición do servizo de conciliación e coeducación «Convive en igualdade» (Ludoteca de Verán – Campamento urbano) para o ano 2015, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín.
Este servizo, que busca cubrir o tempo vacacional dos nenos así como conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores, comezará o 22 de xuño e finalizará o 9 de setembro. Levarase a cabo de luns a venres, cun amplo abano de horario e distribución por idades. A actividade está destinada a nenos de entre 3 e 13 anos e terá lugar nas instalacións dos Módulos do CEIP Amaro Refoxo, CEIP Princesa de España, salón de AEVER-CCU Verín e nas dependencias municipais da Casa da Xuventude e Casa da Cultura.
Actividades
Obradoiros educativos e lúdicos de igualdade e coeducación, ambientais, xogos cooperativos e de convivencia en tolerancia e interculturais, animación á lectura e contacontos, piscina, piragüismo, rutas de sendeirismo, novas tecnoloxías, cine infantil, xogos tradicionais, olimpíadas ou unha acampada nocturna serán algunhas das actividades que inclúe.
Para consultar a lista de prezos ou tramitar as solicitudes poden dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil, na Casa da Xuventude. As inscricións serán tidas en conta por orde de inscrición e pago ata cubrir 150 prazas. Para máis información poden contactar co 988 41 47 76.