O COB xoga contra o Lleida as semifinais da promoción de ascenso a ACB. Os dous primeiros partidos en Ourense: este venres (21 horas) e o domingo (19 horas).
Despois de eliminar a Melilla nos cuartos de final, as semifinais xa están acá. O Club Ourense Baloncesto xógase contra o Lleida un posto na final da promoción de ascenso a ACB.
Tanto COB como Lleida finiquitaron a eliminatoria anteior pola vía rápida. Os galegos contra o Melilla en partidos que parecían controlados, pero nos que nos intres finais o equipo dirixido por Gonzalo García pasou apuros. Os cataláns, co factor cancha en contra, deron boa conta do Palma nos dous primeiros encontros.
O Lleida chega nun momento doce. Nos dous partidos de playoff levan un acerto na porcentaxe de tiro moi superior ao que tiveron durante a fase regular.
Agora, esta fin de semana, disputaranse os dous primeiros partidos da eliminatoria (ao mellor de cinco) no Pazo dos Deportes Paco Paz. Este venres -21 horas- e o domingo -19 horas-. A continuación as citas serán en Lleida (venres 15 e domingo 17). E de precisar un quinto encontro será o 19 de maio en Ourense.
Sen nada que perder
O Lleida leva unha tempada fantástica facendo gozar aos seareiros que acuden ao pavillón Barris Nord.
Coa mesma sensación chega o COB a esta eliminatoria. Despois de ser subcampión de Liga, tiña coma obxectivo pasar a primeira rolda do playoff para non empañar a fase regular. Agora, xa en semifinais, e sen a esixencia do ascenso, queda gozar de partidos históricos que non se vivían na cidade desde facía 13 anos.
Igualdade
O técnico do Club Ourense Baloncesto, Gonzalo García de Vitoria, falaba da igualdade entre os dous equipos. “Non me extrañaría nada que chegásemos ao quinto partido, porque é o que demostramos os dous equipos, que fomos capaces de gañar en campos complicados e tamén en casa”. E recordaba que ao COB “nas oito derrotas que tivemos a vantaxe maior que nos sacaron foron 10 puntos (o Palma), o resto menos de 6”. Así mesmo, o adestrador vasco non lembraba a equipos que sacaran do campo ao seu rival.
En canto aos puntos fortes do banco do Lleida o técnico cobista destacou a súa xuventude e resistencia. Ao tempo que eloxiou o gran traballo que Joaquín Prado, o técnico do equipo catalán, fixo este ano, logrando que o Lleida mellorase a cada encontro. “O Lleida que imos atopar é mellor que o da segunda volta, e o da segunda volta era mellor que o da primeira. Os xogadores teñen moita confianza, asumen riscos, imos ver un Lleida máis ofensivo”, adiantaba o adestrador do COB.
Na casa
Pero se algo ten o equipo ourensán da súa parte é a cancha. Xogar no Pazo é a mellor baza do COB, ata tal punto que García de Vitoria lembraba aos seareiros que “cada un debe facer a súa función e o público ten un papel moi importante. Nestes casos, sempre hai un partido que cho saca a afección”. Por iso agarda que as gradas estean o máis cheas posible.