O secretario xeral do PSdeG considera que “o candidato do PP de Ourense non será capaz de oponerse ao que lle digan desde a Xunta”.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou Ourense, onde asegurou que o PP presenta un candidato na cidade, Jesús Vázquez, “que forma parte das persoas próximas a Feijóo, polo que non será capaz de opoñerse ao que lle digan desde a Xunta”.
“Os socialistas apostamos pola autonomía municipal e apelamos ao voto progresista para continuar a axenda do cambio iniciada nesta cidade no ano 2007”, afirmou o líder dos socialistas galegos, que compareceu en Ourense xunto ao candidato á alcaldía do PSdeG, José Ángel Vázquez Barquero.
“Non se pode fiar un do PP, os cidadáns teñen que lembrar como estaba Ourense antes do PSdeG; agora presentamos unha candidatura que ofrece solvencia económica e legalidade urbanística, algo que non había antes de 2007”, apuntou Besteiro.
O secretario xeral do PSdeG lamentou que “o Partido popular pida debates e despois o candidato en Ourense non se presente ao debate co resto das forzas políticas”. “A súa falta de compromiso é evidente”, aseverou.
Pola súa parte, Barquero manifestou que “temos o obxectivo claro de que a nosa candidatura sexa gañadora, queremos renovar o pacto cos cidadáns, ofrecemos un goberno de progreso e aspiramos á maioría absoluta o próximo 24 de maio”.