Prestará un conxunto de atención de carácter socio sanitario aos maiores que, tras recibir o alta hospitalaria, precisen axuda externa para as súas actividades da vida diaria.
A Xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez Masid, e o Presidente da Fundación Dorzán, Juan Ramón Álvarez Blanco, asinaron o convenio de colaboración para a prestación do servizo de axuda a domicilio.
Este convenio, que terá vixencia ata finais do ano 2015, ten como obxectivo a regulación das condicións que deben darse para proceder a prestar un conxunto de atencións de carácter socio sanitario con carácter temporal e no seu domicilio, a aqueles maiores que, tras recibir alta hospitalaria, precisen de axuda externa para o desenvolvemento das actividades da vida diaria co fin de manter e estabilizar a calidade de vida, que viñan gozando antes do seu ingreso hospitalario.
As vantaxes que ofrece a posta en marcha deste convenio son as de posibilitar a permanencia no ámbito habitual dos pacientes evitando a súa institucionalización e garantir unha continuidade no seu plan de coidados.
Asemade posibilitará a realización dunha educación sanitaria domiciliaria do paciente axeitada ao seu problema de saúde e garantir tamén unha coordinación socio sanitaria que asegure unha atención integral e axustada a cada situación.
Os pacientes destinatarios deste convenio son captados polo Servizo de Traballo Social do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para asegurar a atención necesaria ás situacións urxentes ou de extrema necesidade mediante un sistema áxil e operativo que permita un apoio inmediato do paciente tras o alta.
Este convenio vai orientado para os maiores que precisan dun apoio dunha terceira persoa e que carecen desta ou poden ter dificultades para asumir os coidados. A Fundación Dorzán asumirá totalmente o custe do servizo no caso de persoas carentes de recursos e achegará un porcentaxe do custe nos casos de pacientes que teñan algún tipo de prestación pública ou recursos propios, que será variable en función da súa renda persoal ou a súa situación económica.
Destinatarios do convenio
Os destinatarios deste convenio deben residir no Concello de Ourense e reunir unha serie de requisitos como son o de estar ingresado no CHUO no momento da solicitude, ter máis de sesenta anos, ter limitada a súa autonomía e necesitar axuda dunha terceira persoa para realizar as actividades da vida diaria ou pertencer a un grupo de risco especialmente vulnerable como pode ser o ancián fráxil, polimedicado ou con pluripatoloxía.
Tamén vai orientado a aqueles que teñan dificultades de atención por parte do coidador habitual o pola súa familia e ter escaseza de recursos ou dificultades económicas que non lle permitan facer fronte ó custe do servizo con carácter privado.