Nas capitalidades comarcais, manteñen o poder os populares de Xinzo e de Celanova, e os nacionalistas de Allariz, mentres que o PP perde a maioría absoluta en Verín.
A Limia
Na capital da Limia seguirá gobernando o PP de Antonio Pérez, con nove concelleiros; irrumpe Xinzo Adiante con tres, o PSOE aumenta un ata catro e o BNG só saca a acta de Ramiro Rodríguez.
No resto de municipios destaca de novo o pleno de concelleiros para Xan Jardón e Compromiso por Galicia en Vilar de Santos.
Ademais, a histórica alcaldesa popular de Sandiás, Concepción Méndez, perde a maioría, ao obter só tres edís fronte aos catro da Agrupación de Electores, o PSOE saca dous.
Na comarca, PP mantén o resto das súas maiorías absolutas: Julio Pérez en Vilar de Barrio, Emilio José Pazos en Trasmiras, Sindo Lamas en Sarreaus, José Antonio Feijoo en Baltar, Susana Vázquez en Porqueira, Xaquín Rodríguez en Rairiz de Veiga, e suma unha nova, Os Blancos, co anterior alcalde José Manuel Castro agora nas súas filas.
A única alcaldía que era socialista, Calvos de Randín, sigue coa mesma cor, ao obter a lista de Aquilino Valencia cinco actas fronte ás dúas do PP.
Terra de Celanova
En Celanova o PP afianza a súa maioría con José Luis Ferro de líder, obtendo oito actas. O BNG mantense nas tres e o PSOE perde unha.
Na Bola voltará ser alcaldesa Teresa Barge aínda que desta volta polo PP, ao obter seis edís fronte aos tres do seu anterior partido, o BNG.
Perde a maioría absoluta outra histórica dirixente popular, Mª Pilar Otilia López, en Ramirás, empatada co PSOE a catro edís, o BNG sacou un.
O PP mantén os seus feudos de Quintela de Leirado, con 6 actas para a candidatura de José Antonio Pérez fronte a unha dos socialistas, mesmo resultado que en Pontedeva (seguirá de alcalde Juan Carlos González). Tamén continuará gobernando con maioría absoluta Carmen Leyte en Cartelle (8 edís para a lista popular fronte aos 2 dos nacionalistas e un dos socialistas). Igual resultado houbo na Merca, con 8 edís para os populares de Manuel Jorge Velo, dous para o BNG e un para o PSOE. En Gomesende Pura Rodríguez, do PP, repetirá de alcaldesa, con cinco actas fronte ás dúas de Movemento Democrático de Gomesende. E en Padrenda, gaña de novo o PP con 7 concelleiros para a lista de Manuel Pérez, e dous para os socialistas. O PP resiste tamén en Verea, con cinco actas, fronte ás tres do BNG e ás dúas do PSOE.
Allariz-Maceda
O nacionalista Francisco García continuará gobernando Allariz con maioría absoluta outro mandato máis, cos mesmos nove concelleiros; entra na corporación a socialista Zaida Rodríguez a conta dun dos catro edís que tiña o PP, que queda con tres.
Xavier Oviedo, de Compromiso por Galicia, non consegue manter a alcaldía de Maceda (4 actas), que pasa a mans dos populares, ao obter estes a maioría absoluta (6 edís); o PSOE queda coa única concelleira que xa tiña.
O popular Eladio Mangana perde a maioría absoluta en Baños de Molgas, con catro edís, o futuro goberno queda a expensas dun posible pacto PSOE (tres edís) e BNG (dous edís).
O PP si mantén maioría absoluta en Xunqueira de Ambía (con seis edís fronte aos 2 de Iniciativa por Xunqueira e un de BNG), en Xunqueira de Espadanedo (seis edís fronte á única acta socialista), e en Paderne de Allariz (sete edís fronte aos dous do PSOE).
Monterrei
Na capital da comarca, Verín, o PP de Jiménez Morán perde a maioría absoluta, pasando de dez a sete actas; o PSOE sube de catro a seis e o BNG de tres a catro.
No resto da comarca, o PP mantén as súas maiorías absolutas en Riós, con Francisco Armando Veiga (7 edís fronte aos 2 do PSOE); en Vilardevós, con Manuel Cardoso (seis edís fronte aos cinco socialistas), Monterrei, con José Luis Suárez (con sete actas fronte ás tres da nova forza política Veciños de Monterrei, e unha para o Bloque); en Oímbra, con Ana María Villarino (sete edís fronte aos dous do PSOE e outros dous do BNG); en Cualedro, con Luciano Rivero (oito actas fronte a unha de Compromiso); Laza, con José Ramón (sete para o PP e dous para o PSOE).
O PSOE conserva a súa única alcaldía na zona, Castrelo do Val, con seis actas para a lista de Vicente Gómez fronte ás tres dos populares.