O mércores 27 de maio o centro realizará unha xornada de portas abertas para dar a coñecer a vida e obra do fundador de Aixiña.
O CIFP Portovello é un centro integrado de Formación Profesional da cidade de Ourense no que se imparten tres familias profesionais: Administración e empresas, Comercio e márqueting e Servizos socioculturais e á comunidade. As particularidades do centro fan que as ensinanzas se repartan en dous edificios: o A, que alberga os estudos de Administración e os de Comercio; e o B, que acolle á familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade.
No edificio B, un antigo colexio de EXB, as particularidades arquitectónicas levaron a concibir a humanización do mesmo como se do espazo dunha cidade se tratase, de maneira que os espazos a humanizar fosen máis aló das aulas e incluísen tamén os corredores, prazas e outros espazos polos que transitan ao longo do día as persoas da comunidade educativa. Inspirándose na obra “A cidade dos nenos” de Francesco Tonucci, rehumanizouse o edificio, abandonando a frialdade do anterior sistema de denominación numérico e achegándose a figuras, movementos, institucións ou conceptos relevantes para as persoas que día tras día transitan por el.
Así, cada aula, cada corredor e cada praza do centro debía ser humanizada e o nome que se lle ía dar debía conectar dalgunha maneira cos intereses das persoas que dun xeito máis habitual ocupaban eses espazos. Fóronse facendo propostas, que se debateron e consensuaron polo equipo até chegar á proposta final.
Deste xeito, “Florence Nightingale” ou o “Movemento de vida independente”, serven para nomear aulas ocupadas polo alumnado do ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia; “Virginia Henderson” ou “Olimpia Varela” dan nome a algúns dos corredores; as prazas pasan a adoptar nomes como 8 de marzo, Dereitos da infancia, Preescolar na casa, etc. E Nelson Mandela, Rigoberta Menchú, Concepción Arenal ou María Montessori nomean espazos vinculados a outras titulacións que se imparten no edificio.
E precisamente un dos espazos significativos para o alumnado da especialidade de Atención a persoas en situación de dependencia é a antiga Aula B001, aula polivalente na que se imparten distintos módulos formativos, á que finalmente se decidiu asignar o nome de Recaredo Paz Prieto, nun intento de homenaxear a unha figura da nosa cidade que demostrou, na súa intensa traxectoria vital, o seu compromiso coa normalización da vida das persoas con necesidades a todos os niveis: educativo, social, laboral ou de lecer. Esta traxectoria tivo un importante colofón cando no ano 1991, fundou, nun ambiente asociativo, Aixiña (asociación dedicada á integración social e laboral das persoas con discapacidade física, parálise cerebral e terceira idade dependente), e coa que o CIFP Portovello mantén numerosas colaboracións.
Neste marco, xorde a idea de realizar unha actividade de homenaxe á figura de Recaredo Paz, dando a coñecer entre a comunidade educativa aspectos relevantes da súa vida e obra. A data escollida é o mércores 27 de maio, no que entre as 11:30 e as 14 horas se desenvolverá unha Xornada de portas abertas na que contaremos coa presenza dunha representación da asociación Aixiña.