Será o sábado 30 de maio e inclúe actividades complementarias durante toda a xornada.

 

Un ano máis volta Ramirás a Noite de Fiadeiro, que ao igual que o pasado ano se celebrará o derradeiro sábado de maio. De novo retórnase ao lugar orixinal onde naceu esta celebración, o Adro da Igrexa de San Andrés, que servirá como epicentro de todas as actividades.

Neste 2015 cúmprese a IX edición da festa,organizada pola Asociación Cultural e Xuvenil Rebulir, que nacía no 2007 coa intención de recuperar a esencia dos antigos fiadeiros da comarca, aquelas reunións festivas de mozas e mozas que se xuntaban para bailar, tocar e cantar, e incluso mocear.

Este ano dende a organización prepararon un amplo programa de actividades para toda a xornada, que dará comezo  ás 11 da mañá cun obradoiro sobre a elaboración de queixo artesán, que terá lugar no local San Andrés, o cal ás 12 acollerá a proxección da curta “O segredo do queixo artesán”. Unha hora despois dará comezo a sesión vermú.

Xa pola tarde, ás 17 horas, dará comezo a feira de produtos artesáns e gastronómicos, que contará con 25 postos e inclúe unha mostra de oficios tradicionais, un obradoiro de cestería para cativos e animación polas rúas. A esa mesma hora dará comezo diversas actividades para os máis pequenos da casa, como xogos tradiconais, cooperativos ou fútbol chapas.

Ás 18 horas será o turno da actuación de Don Santiago, o Afiador de Nogueira; e ás 18.30 do concerto da Banda de Música Municipal de Ramirás.  Ás 19 horas haberá teatro de rúa da man; e media hora despois un pasarúas de xigantes e cabezudos con moita música e animación.

Xa ás 20 horas comezará o fiadeiro para cativos coa participación de varias escolas de música tradicional. E ás 21 horas será o momento da IX Noite de fiadeiro para os maiores, na que participarán máis de 30 colectivos de música tradicional chegados de diversos puntos da comunidade. Como é tradición, esta noite de fiadeiro contará á medianoite coa tradicional queimada, e nela non faltarán moito baile e troula ata que o corpo aguante. Así mesmo, haberá concursos e sorteos entre os participantes.