Terá lugar durante o mes de xullo, con actividades de achegamento á natureza, e está dirixido a escolares de 9 a 14 anos.

 

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organiza un campamento de verán para rapaces de entre 9 e 14 anos, no centro de educación ambiental e albergue xuvenil Equal (Sociedade Cooperativa Galega) sito en A Barra, Coles.

A edil María Devesa e a presidenta de Equal, Amparo Vázquez, presentaron esta actividade, englobada na campaña de ocio e tempo libre da Concellería de Xuventude. O campamento contará con dous turnos de cinco días cada un, de luns a venres, durante a semana do 13 ao 17 de xullo e a semana do 20 ao 24 xullo, de 9 a 18:30 horas.

O campamento está deseñado para que os rapaces poidan desfrutar do tempo de lecer que lles outorgan as súas vacacións escolares participando en actividades creativas e de achegamento á natureza.

Actividades
Desenvolveranse actividades diarias de carácter lúdico e formativo nas que a comunicación, as habilidades sociais e as relacións entre iguais a través do xogo, o teatro e a interacción coa natureza serán os elementos que favorezan a diversión, a convivencia e a cooperación. Tódolos días haberá unha actividade ecuestre, piscina, xogos cooperativos, e obradoiros (de teares, teatro, xabóns e pasta de dentes, reciclaxe, manualidades e elaboración de pan multicereais). Tamén haberá unha saída didáctica ao centro de recursos zooxenéticos de Galicia, pazo de Fontefiz.

A Concellería de Xuventude xa ten aberto o período de inscrición (que pode facerse na Oficina de Información Xuvenil do Concello). As 44 prazas disponibles sortearanse públicamente o vindeiro 11 de xuño.