Raúl Fernández

Raúl Fernández cre que é o momento de facer unha “análise profunda” dos motivos que ocasionaron a drástica perda de votantes e concelleiros da candidatura de Barquero.

 

O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Raúl Fernández, valorou este xoves os resultados obtidos pola formación como de “excelentes” no conxunto da provincia e de “nefastos” no que se refire á cidade de Ourense. Por iso, instou aos seus a facer unha “análise profunda” do sucedido coa candidatura de Barquero, que perdeu cinco concelleiros con respecto á lista presentada polos socialistas en 2011, quedando en seis edís. Análise necesaria para “iniciar un novo camiño e elaborar unha alternativa para os veciños de cara ás próximas eleccións”.

Fernández non se quixo referir a posibles dimisións das persoas responsables deste ‘batacazo’; “non estamos no momento de toma de decisións, estamos no momento de análise”, dixo, para, a renglón seguido, engadir que “non se pode seguir igual”. Este mesmo xoves reuníase a Permanente da Executiva Provincial estando prevista para dentro duns días a xuntanza desta, que podería producirse antes ou despois da reunión da Executiva Local.

Iso si, o secretario provincial dos socialistas non eludiu explicacións sobre os posibles motivos que levaron á perda de máis de dez mil votos na capital ourensá con respecto aos anteriores comicios. O “detonante”: a “ruptura” ou “desavenencias” no seo do grupo de goberno xurdidas trala detención do anterior alcalde, Francisco Rodríguez, na operación Pokemon. Unha situación que se tiña que ter abordado, a xuízo de Fernández, hai ano e medio; non se fixo e produciuse un “deterioro”: “o resultado víase vir”, concluiu.

Fernández aproveitou para mandar recado ao candidato socialista na capital ourensá, José Ángel Vázquez Barquero; “é o momento de dar a cara” e dar explicacións do resultado, dixo. Por certo que o secretario provincial ve difícil a posibilidade e que o PSOE forme parte do goberno na cidade das Burgas, por ser catro partidos políticos «con diferencias evidentes», polas declaracións de Gonzalo P. Jácome e polas propias de Barquero, que non contemplaba apoiar a PP nin a DO.

Na provincia
No conxunto de Ourense provincia, os resultados son máis positivos para o PSdeG-PSOE, que acada dez edís máis que en 2011, volverá gobernar 13 concellos con maioría absoluta (recupera O Carballiño, por exemplo) e ten posibilidade de participar no goberno mediante pactos noutros 13 municipios (en oito deles liderando, ou sexa, con alcalde socialista, coma nos casos Ribadavia ou Verín).

En total, o PSdeG-PSOE consegue en Ourense un apoio do 25,75% , cifra por baixo da media galega pero por riba da estatal. O equivalente a 47.809 votos, 10.262 votantes menos que hai catro anos. “A baixada na cidade compensou a subida na provincia”, comentou o secretario provincial socialista.