Os interesados poden inscribirse este venres 29 de maio na Casa da Xuventude, no pavillón municipal ou na Escola de Familia Municipal de Verín.

 

Este venres 29 de maio finaliza o prazo de inscrición para participar na terceira edición da ‘Andaina Solidaria e Paseo Fotográfico en Familia’, organizada polos departamentos de Educación Familiar e Deportes do Concello de Verín, xunto con UNICEF España, co obxecto de recadar fondos para axudar na construción de pozos de auga en diferentes localidades de Níxer.

As inscricións pódense realizar no departamento de Educación Familiar en horario de mañá (Casa da Xuventude, no correo electrónico educadorafamiliar@verin.net ou no 988 41 47 76) ou no Pavillón Municipal de Deportes de Verín (pabellon@verin.net ou no 988 41 11 40) e Escola de Familia Municipal (antigo Lavadoiro ou no 988 41 14 68) durante a tarde. Aínda que as persoas interesadas tamén poderán realizar a súa inscrición no propio pavillón de Deportes unha hora antes do inicio da andaina.

Sábado de andaina
A ‘III Andaina Solidaria e Paseo Fotográfico en Familia’ terá lugar este sábado 30 de maio. A saída será ás 18 horas desde o Pavillón Municipal de Deportes de Verín, e cun total 6 quilómetros os asistentes desprazaranse ata o campo dos Remedios (Vilamaior), onde se realizarán xogos cooperativos; os nenos tamén contarán con inchables. Esta iniciativa está pensada para toda a familia.

A retirada de dorsal terá lugar o propio día, ás 17.30 horas -os participantes tamén recibirán avituallamento-, no propio pavillón de deportes, onde estará instalada unha urna na que se poderán realizar doazóns, que serán destinadas de modo íntegro para ‘Gotas para Níxer’, unha campaña de mobilización escolar en apoio ao programa de supervivencia infantil que UNICEF desenvolven en Níxer. O custe do dorsal é de 1 euro para adultos e 0,50 euros para nenos.