O que foi alcalde do municipio nos últimos dous mandatos, tras perder a maioría abosulta o 24M, puxo a disposición da asamblea local do PP o seu cargo, pero esta ratificou a súa continuidade por unanimidade.
O presidente do Partido Popular de Verín, Juan Manuel Jiménez, compareceu en rolda de prensa para analizar os resultados dos últimos comicios electorais.
“En primeiro lugar que agradecer a todos votantes, case 2.700 persoas, que confiaron novamente no PP, e apostaron por unha política de estabilidade e futuro para Verín”. “Uns veciños e veciñas que recoñeceron o traballo realizado nos últimos anos, non só en termos de inversión en infraestruturas, senón tamén en termos de políticas sociais, culturais e deportivas”, indicou Jiménez Morán. Tamén recordou que “fomos o partido que gañou as eleccións e seguimos tendo a confianza de moitos verinenses”.
Pero tamén pediu desculpas, “se cometemos erros en busca do ben común pido desculpas por eles, pero en ningún caso foi por prexudicar a nadie senón para lograr o máximo beneficio para todos os nosos veciños”, dixo o popular.
“Nós, evidentemente, vamos pasar a oposición e vamos a facer unha oposición minuciosa e construtiva”, adiantou. Unha presenza na oposición que se confirmou este xoves cando tivo lugar a asamblea local do PP na que o que foi alcalde de Verín durante os dous últimos mandatos puxo a disposición da mesma o seu cargo, pero a asamblea decidiu, por unanimidade, ratificar a súa continuación.
Jiménez volta así á situación que viviu en 2003. Daquela, lembrou, “fomos capaces cunha oposición correcta e rigorosa, de reverter esa situación e convencer a xente de que o Partido Popular era a mellor opción”. Agora tentará facer o mesmo.
Máis presenza nas redes
Así mesmo, quixo explicar a posición do seu partido en canto ao escaso uso das redes sociais durante a pasada campaña electoral. “Desde o partido non se lle deu moita importancia ás redes sociais porque se preferiu explicar os proxectos, persoalmente, aos nosos veciños, sen entrar en polémicas e campañas sucias, pero démonos conta que fixeron moito ruído antes e durante a campaña con manipulacións burdas coas que se enganou á moita xente”, asegurou. “Por iso agora, vamos facer o contrario, participar en redes sociais activamente para chegar as máximas persoas, explicando as nosas actuacións e recibir as demandas dos cidadáns”, adiantou.
Para concluír, Jiménez Morán destacou que “o meu obxectivo é a recuperación da confianza de todas aquelas persoas que decidiron retirarnola nesta lexislatura”. “Non queremos defraudar tampouco a todos os nosos votantes, e todo isto o queremos lograr a base de traballo e traballo”, indicou, “e tamén agardo que o novo goberno local sexa capaz de concluír os proxectos iniciados por nós, como o auditorio e escola infantil, e non perda inversións e actuacións comprometidas con Verín como é o caso do termalismo”.