Jácome proponlle a Jesús Vázquez gobernar cada un medio mandato pero o candidato popular insiste que a alcaldía non é negociable. Ourense en Común manterase á marxe de pactos.
O candidato da lista máis votada no Concello de Ourense, o popular Jesús Vázquez, comezou este venres no Museo Municipal unha rolda de contactos cos demais partidos para sondear as distintas posibilidades de cara a conformar goberno na capital ourensá.
O primeiro encontro mantívoo co líder da segunda forza máis votada, Democracia Ourensana e del destacou o “tono cordial mantido en todo momento”. A Gonzalo Pérez Jácome díxolle que o PP estaba disposto a “negociar programa” e incorporar propostas de DO nel e tamén a pactos “puntuais”, pero que non era negociable “a figura do alcalde nin a posibilidade de repartos de x anos un x anos outro”.
Ambos políticos, que estiveron acompañados por Francisco González (PP) e Armando Ojea (DO), quedaron emprazados a unha nova reunión a semana próxima. Vázquez recoñecía que “será moi difícil chegar a acordos”.
No caso de que o vindeiro 13 de xuño, data de constitución das novas corporacións, fose elixido outro candidato, Vázquez Abad afirmou que o PP favorecerá a gobernabilidade e porá todos os seus recursos “para que esta cidade saia adiante e non se produza o parón destes anos”.
Pacto “salomónico”
Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome dixo trala xuntanza que ofrecera a Jesús Vázquez un “pacto salomónico” para repartirse a alcaldía neste próximo mandato (dous anos como rexedor para cada un), pero non foi aceptado.
“Creemos que es justo, representa el cambio y lo que dijeron las urnas”, explicou Jácome, que atribúe o rexeitamento dos populares a esta opción porque “no quieren que suba un rival”. Gonzalo Pérez Jácome tamén dixo que el é a única persoa capaz de transformar Ourense e de aí a súa insistencia en querer ser alcalde.
O líder de DO cre que un goberno en minoría do PP sería “lo peor para la ciudad” e por iso amosouse disposto a “facer todo o que a lei permita e sexa o mellor para o pobo”. Baralla varias alternativas que non quixo desvelar e non descarta a opción de investir alcalde ao candidato socialista e despois acceder ao goberno mediante unha moción de censura. “Están abertas todas as posibilidades matemáticas, as que permiten sumar 14 pódense facer”, recalcou.
“Eu dixen unha vez gato branco gato negro o importante é que cace ratóns, o importante é que se baixe o IBIi, se faga o parque acuático e se recorten os gastos, se iso se fai é igual que sexa o PP que o PSOE”, engadiu.
Reunión con Ourense en Común
Unha hora máis tarde da cita con DO, o candidato popular, acompañado de novo do seu número 3, Francisco González, xuntábase co número 1 de Ourense en Común, Miguel Doval, que acudía acompañado doutros dous membros da formación, Emilio Rodríguez e David Bruzos.
Vázquez destacou novamente o ton cordial da súa reunión con Miguel Doval. Aínda que a postura de Ourense en Común era coñecida de antemán (non participar en pactos de goberno), o nº 1 do PP agradeceu este encontro “para falar en positivo de Ourense, que ao final é o que nos move”.
Nesa liña, Doval coincidiu na cordialidade da xuntanza e destacou a importancia de sentarse a falar “das cousas importantes da cidade”; “seguro que chegaremos a acordos a pesar dos matices”, dixo. O candidato de OUeC ratificou que o próximo 13 de xuño non apoiarán nin participarán en ningún tipo de pacto nin coalición, “manterémonos na abstención ou (votaremos) a nós mesmos”, segundo o acordado pola súa asamblea.
Con respecto a unha cita co representante do Partido Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, Jesús Vázquez dixo estar “pendente de poder ter ese encontro” que ata o de agora non foi posible.