Manuel Baltar agradece o traballo político municipal de Blanco Paradelo, «un gran activo do PP na comarca de Valdeorras e na provincia de Ourense».

 

Tras coñecerse a decisión de Moisés Blanco Paradelo de non tomar posesión da súa acta de concelleiro en O Barco, o presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, manifesta o seu agradecemento «polo intenso traballo político e a campaña desenvolvida por Moisés Blanco, un gran activo do Partido Popular na comarca de Valdeorras e na provincia de Ourense».

Manuel Baltar agradece o xesto de Moisés Blanco de poñerse a un lado na liña municipal despois de non acadar o obxectivo na terceira vez na que o ata o de agora portavoz popular concurría ás Eleccións Municipais. O labor orgánica e política no Barco de Valdeorras continuará da man de Moisés Blanco, «quen foi reelixido co 100% dos votos emitidos polos afiliados populares para continuar dirixindo o PP barquense como presidente local», recalca Manuel Baltar, «e non só o seu labor orgánico se ceñirá ao ámbito local, senón que a nivel provincial continúa sendo parte fundamental do PP de Ourense como membro do seu Comité de Dirección».

No eido institucional, Manuel Baltar califica o labor de Moisés Blanco no Parlamento de Galicia como «extraordinario e enriquecedor, representando á comarca de Valdeorras e a toda a provincia de Ourense na Cámara Autonómica, defendendo sen descanso os intereses xerais dos ourensáns».

Por último, o presidente provincial do PPOU traslada a súa felicitación a todo o partido no Barco, militantes e simpatizantes, «pola campaña exemplar que levaron a cabo», e manifesta a súa plena confianza «no grupo municipal popular do vindeiro mandato, que traballará sen descanso polo futuro do Barco, visualizando así a alternativa de goberno que suporá o Partido Popular para a capital de Valdeorras».