O primeiro deles,un obradoiro monográfico sobre habilidades de comunicación asertiva o 11 de xuño.
Os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín, e no marco do Plan de Envellecemento Activo, realizará obradoiros monográficos e coloquios, entre outras accións, para promover a participación activa das persoas maiores no municipio, ampliar a oferta de actividades para maiores e coidadores de persoas dependentes, e velar pola promoción de hábitos saudables para o mantemento da autonomía persoal.
A primeira actividade terá lugar o 11 de xuño, a partir das 18.30 horas, co obradoiro monográfico de formación ‘Habilidades de comunicación asertiva’, destinado a coidadores formais de persoas maiores dependentes e persoas interesadas neste tema. O obxectivo prioritario do taller é optimizar, aumentar e estimular as competencias prosociais dos coidadores nas interaccións persoais, así como aprender estratexias de comunicación indirecta que favorezan unha óptima calidade de vida e aumento de autoestima no maior. A
O segundo obradoiro monográfico, ‘Técnicas para o manexo do estrés’, realizarase o 25 de xuño. O mesmo está dirixido ao ámbito do coidado dos maiores dependentes aínda que se abre para a poboación en xeral preocupada polo tema.
Con todo non serán os único obradoiros que se realicen nos vindeiros meses, xa que se programarán máis sesións coa finalidade de ofertar formación a aqueles coidadores de persoas maiores dependentes que, en moitas ocasións, soportan unha carga extra de traballo.
A xente interesada en participar nos obradoiros debe inscribirse na Área de Maiores dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín. O aforo non excederá das 15 persoas.
Charla
Por outra banda, e en liña coa sensibilización e defensa de dereitos das persoas maiores, o 19 de xuño ás 19 horas terá lugar a charla-coloquio ‘A idade non elimina dereitos’. Será na Casa da Cultura de Verín e versará obre a defensa dos dereitos dos maiores relacionada co Día mundial da toma de conciencia do abuso e maltrato á vellez (15 de xuño).
Como parte destas xornadas e en coordinación coa Cruz Vermella Monterrei, poranse unhas mesas informativas en fronte dos Servizos Sociais Comunitarios de Verín o día 15 de xuño, nas que voluntarios/as de Cruz Vermella entregarán folletos informativos sobre esta cuestión.