A Unión Deportiva Ourense estase movendo rapidamente para pechar a plantilla da tempada 2015-2016 o antes posible.
Primeiros en unirse ás filas da UD foron os xogadores do Pabellón Ourense xuvenil, Jorge, Marcos e Julio. O seguinte foi o porteiro do Barbantes, Samuel Vázquez, e agora chegou o dianteiro Cristian Dacosta.
O gardamallas chega con ganas de “xogar con estes xogadores, con algún xa compartín vestiario”. Vázquez é consciente que o obxectivo non é outro que o “de ascender a Primeira”.
Pola súa banda, Cristian Dacosta chega despois de xogar este ano no Covadonga. Anteriormente vestira a camiseta do Peroxa, Ourense B e Arenteiro.
Plantilla nova
Desde a asociación de ex xogadores de CD Ourense, que é a que está facendo as fichaxes, queren confeccionar unha plantilla nova e renovada. A idea é facerse cos servizos de xogadores que poderían xogar sen problemas en categorías superiores, para así ter máis doado o ascenso a final de curso.
Neste senso, xa están apalabradas as altas de Cote e Iago Garrido e pronto serán presentados.