Este ano a Subida a Rocas – O Eirado chega a súa novena edición sendo Campionato de España e de Galicia de carreiras de montaña. A proba terá lugar o domingo 14 de xuño.
Da modalidade feminina sairá a selección nacional que representará a España no Mundial de Portugal.
Na presentación estiveron presentes o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o secretario técnico da federación, Ángel Fidalgo, e o delegado da federación en Ourense, Manuel Blanco.
O alcalde da localidade onde se celebra a proba (Esgos), Mario Rodríguez, explicaba que contan que entre participantes e acompañantes, «máis de mil persoas visitarán Esgos esta fin de semana» con «co retorno económico e a dinamización que elo supón para o municipio e a súa contorna».
Pola súa banda, o presidente da Deputación dixo que desde o ente provincial «apostan sempre polo deporte».
Tres modalidades e andaina
Este ano haberá tres modalidades. A carreira masculina, a feminina e una por equipos. Tamén celebrarase unha andaina. En total terán que percorrer 13 quilómetros cun desnivel de 582 metros positivos.
As carreiras sairán desde a casa do Concello ás 11 horas e terá dúas metas volantes, para finalizar no punto máis alto de Esgos, ao carón do parque eólico.
A andaina, que tamén chega á novena edición, dará comezo ás 9.30 horas e percorrerá 18 quilómetros.