Este martes tivo lugar a entrega de diplomas ao 12 alumnos que superaron as probas teóricas e prácticas do XVII Concurso Local de Educación Viaria.

O salón de plenos do Concello acolleu a entrega de diplomas, trofeos e premios aos 12 alumnos que superaron as probas teóricas e prácticas da 1ª e a 2ª fase de selección do XVII Concurso Local de Educación Viaria, do Parque Infantil de Tráfico, realizadas nos meses de maio e xuño en Expourense. Asistiron ao acto representantes do Concello, que participa neste programa a través das Concellerías de Educación e Tráfico, a Dirección Xeral de Tráfico e e Expourense.

A selección realizouse entre 1.500 alumnos de 5º e 6º curso de Educación Primaria que participaron nas actividades de Educación Viaria do Parque Infantil de Tráfico de Ourense durante o curso escolar 2014/2015, quedando seleccionados nunha primeira fase 32 alumnos de 12 centros e na segunda fase 12 alumnos de nove centros.

Estes 12 alumnos de 5 e 6º de Primaria estudan nos colexios CEIP O Couto, CEIP Irmáns Villar, CEIP Albino Núñez, CEIP Vistahermosa, CEIP Prácticas, CPR Santa Teresa, CPR Maria Auxiliadora, CPR Santo Ángel e CPR Concepción Arenal. Superaron as probas teóricas sobre normativa e sinalización e as probas prácticas de habilidade e destreza na condución de kart e de bicicleta.

O total de alumnos e alumnas que participaron durante o curso escolar nas diferentes actividades do Parque Infantil de Tráfico foi de 3.104 nenos e nenas procedentes de 30 centros educativos da cidade.