Cemiterio de San Francisco

Poñer en valor o cemiterio municipal de San Francisco e divulgar o seu extraordinario valor desde o punto de vista histórico, patrimonial e cultural é o obxectivo do proxecto que desenvolve a Concellería de Cemiterios do Concello de Ourense.

 

A concelleira en funcións Marga Martín presentou as liñas principais desta iniciativa, coa que o Concello pretende recoñecer o especial atractivo deste camposanto, inaugurado o 9 de maio de 1834, como consecuencia da promulgación dunha Real Orde de 30 de xuño de 1814 que instaba ao Concello a buscar terreos afastados do núcleo urbano para a súa construción.

O cemiterio, declarado ben de interese cultural no ano 2000, acolle as sepulturas de milleiros de veciños e veciñas de Ourense, entre eles un gran número de persoeiros de diferentes campos da cultura e da arte galega.

Os traballos realizados inclúen a dixitalización da totalidade dos 29.000 enterramentos realizados neste cemiterio desde 1906, primeiro ano do que se conservan datos ata 1993, cando se incorporou o Rexistro informático de cemiterios. A dixitalización realizada permite garantir a conservación, accesibilidade e consulta, en caso de ser precisa, de toda a documentación, evitando o risco de deterioro da acumulada en papel

O proxecto inclúe tamén a sinalización física das sepulturas dun total de 50 persoeiros ourensáns dos ámbitos da cultura, as artes as letras, principalmente, enterrados no cemiterio municipal, e un panel divulgativo acerca da súa traxectoria.

Coa mesma finalidade, tamén se preparou unha páxina web, que entrará en servizo nos próximos días, que recolle toda a información de interese acerca do cemiterio municipal, incluindo unha visita virtual, unha reseña da súa historia, referencia dos persoeiros ilustres nel enterrados, reseñas biográficas e unha galería de tofos. Tamén se activará un código QR que permita acceder a toda a información.

Persoeiros soterrados
A lista de persoeiros soterrados no camposanto ourensán inclúe a Manuel Luis Acuña Sarmiento, José Antonio Fidalgo  Santamarina, Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas”, Jaime Pérez Colemán Varela, Manuel Suárez Castro, Antonio Ales-Reinlén,
Luis Gallego Domínguez, Marcelo Macías García, Ramón Pérez Rumbao, Paz Sueiro Martínez, Segundo Alvarado Feijóo-Montenegro, Olga Gallego Domínguez, Manuel Malingre Lamas, Xavier Prado “Lameiro”, Luis Taboada Camoeiras, Eustaquio Álvarez Eire, Eleuterio “Leuter” González Salgado, Manuel Martínez Risco, Manuel Prego de Oliver, José Taboada Tundidor,
Asunción González “Pobre Asunción”, Isidoro Guede Fernández, Atico Noguerol Iglesias, Ramón Puga Noguerol, Antón Tovar Bobillo, Eduardo Blanco Amor Antonio Jaunsarás San Miguel, Estanislao Reverter Sequeiros, Ramón Otero Pedrayo, José Ángel Valente Docasar, Vicente Bóveda Iglesias, Valentín Lamas Carvajal, Alejandro Outeiriño Rodríguez, Primitivo Rodríguez Sanjurjo,
Dora Vázquez Iglesias,Pegerto Caride Rodríguez, Florentino López Alonso-Cuevillas, Ramón Parada Justel., Alejandro Rodríguez Veiras, Pura Vázquez Iglesias, Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho-Shey), José Luis López Cid, Juan Manuel Paz Nóvoa,
Juan Antonio Saco e Arce, Luis Vázquez Trabazo, José Fernández Vide, Elvira López Cuevillas, Manuel Peña Rey, Jesús Soria González ou Alberto Vilanova Rodríguez