O seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, apunta a que é no pleno onde se pronunciarán sobre a proposta que neste sentido faga o alcalde.
O grupo socialista no Concello de Ourense non participará en ningunha negociación co alcalde de Ourense sobre soldos, dedicacións exclusivas e asignacións económicas aos grupos. Así o anunciou este xoves o seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, quen entende “que non é o procedemento”.
Por iso empraza ao rexedor a que faga a súa proposta no pleno de organización da corporación da próxima semana. Será entón cando os socialistas decidan o seu voto. A única puntualización que fai Barquero sobre este tema é que “se a proposta é de apretarse o cinto, aceptamos o argumento pero entendemos que para todos, tamén para o grupo de goberno e o alcalde”.
Solicitude de información do COB
Na comparecencia do político socialista ás portas da casa consistorial, tamén informou da presentación por rexistro dunha solicitude de copia do expediente administrativo sobre o apoio financieiro do Concello de Ourense ao COB, así como copia das cartas remitidas polo alcalde ao club deportivo e máis á entidade financieira que facilitou o préstamo. “Eu quero ter información oficial”, dixo Barquero, que considera que Jesús Vázquez se extralimitou nas súas competencias pois o apoio “ten que ser aprobado no pleno”.
En referenza a esta solicitude de información, o voceiro do grupo de goberno, Francisco González, pediulle a Barquero que aclare se o seu partido quere que “Ourense teña un equipo na ACB ou non” e se vai manter “o mesmo criterio de apoio ao COB que expresou no seu día”.
O voceiro popular puntualizou que como a toma de posesión do novo goberno foi o sábado 13 e a decisión sobre o apoio ao COB houbo que tomala o luns 15, “evidentemente non hai tempo para facer un expediente administrativo”, pero recalcou que a declaración de intencións “valeulle ao COB, a Abanca e a ACB”.