O alcalde de Ourense mantivo unha reunión de traballo co presidente da CHMS.
A colaboración institucional é a marca dos primeiros días de Jesús Vázquez á fronte de Concello de Ourense. Este xoves, Vázquez reuniuse co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, e ambos anunciaron un “plan de choque” para as ribeiras dos ríos da cidade.
Así, a partir da próxima semana unha brigada da CHMS (de Tragsa) comezará a limpar os tramos urbanos dos ríos Lonia, Barbaña e Barbañica de residuos sólidos, maleza e árbores caídas, e a partir do 1 de xullo, outra brigada da CHMS se unirá ás brigadas municipais para realizar traballos similares nas marxes do Miño. “Non estamos falando de grandes infraestruturas, senón de ter coidado o que xa temos”, puntualizaba o rexedor.
A colaboración entre as dúas institucións estendarase ao PXOM. Francisco Marín quere darlle “ese impulso definitivo que necesita”, o que pasa por que os técnicos que elaboran o documento estuden as zonas inundables do municipio, de maneira que a CHMS poida dar o visto bo ao planeamento no seu informe sectorial.
Un terceiro asunto tratado na reunión foi o edificio do antigo bombeo do Miño, situado na desembocadura do río Barbaña ao carón da ponte do Milenio. Unha infraestrutura que na actualidade xa non ten uso e está “afeando” esta zona, ademais de pesar sobre ela un expediente sancionador. Marín explicou que para demolela hai que desconectar primeiro o saneamento que chega do pavillón dos Remedios.
Vázquez e Marín tamén falaron da nova sede da Confederación Hidrográfica , cuxo proxecto e obra agardan estea licitado antes de final de ano. Será “un edificio bastante más modesto que el concurso que se había hecho, que resuelve las necesidades de la CHMS”, explicaba o presidente do organismo de conca.
O Centro de Interpretación de Parques Naturais, en zona de fluxo preferente
A nova sede situarase na parcela xa reservada para tal fin ao carón do novo bombeo do Couto, xa que quedou descartado que o CHMS se traslade ao inacabado Centro de Interpretación de Parques Naturais de Eirasvedras. Francisco Marín confirmou que, segundo o novo Plan Hidrolóxico do Miño, o inmoble queda en “zona de flujo preferente” polo que non se lle podería dar este uso. “Ese terreno no sería compatible con oficinas de la CHMS”, remarcaba o alcalde ourensán. Polo momento, o futuro desta infraestrutura queda sobre a mesa.