Preto de 150 alumnos e alumnas dos colexios Concepción Arenal, Divina Pastora e Luis Vives formaron parte do proxecto que tutorizou a entidade APES.
Representantes de APES clausuraron este xoves proxecto de Aprendizaxe-Servizo,“Cadeas Solidarias” nun acto no EspazoXove de Ourense.
APES artellou esta cadea de solidaridade, para reparar e buscar un destino solidario a 20 bicicletas, unindo a tres centros educativos da cidade, á Asociación Ciclista Ourensana, a un grupo de internos do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar que forman parte do Programa “Voluntariado desde dentro” de APES.
No mes de abril, nun encontro interescolar, presentouse o proxecto ós rapaces e rapazas dos distintos centros escolares, que traballaron man a man cos seu profesores, para recadar fondos e mercar material para reparar as bicicletas así como atoparlles un destino solidario.
O grupo de internos do cárcere de Pereiro de Aguiar, encargouse da reparación das mesmas, asesorados por un integrante da Asociación Ciclista Orensana.
O broche final púxose cun intercambio de experiencias, no que o alumnado e docentes dos colexios explicaron como xestionaron o proxecto e desvelaron o destino que escolleron para as bicis. Neste encontro foron os alumnos e alumnas os protagonistas contando en primeira persoa a súa participación, aportación e experiencia no proxecto.
Iniciativas coma este recollen unha das liñas de traballo de APES, a prevención da delincuencia, tratando de concienciar a diferentes colectivos e impulsando dende idades temperás o voluntariado e as habilidades prosociais nos rapaces e rapazas, como fórmula de protección ante comportamentos de risco.