A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que reclama á Ministra de Agricultura que se dote de condicións laborais e salariais dignas ás Brigadas de Reforzo contra Incendios Forestais (BRIF) como os de Laza.

 

A BRIF de Laza foi unha das 10 unidades helitransportadas, creadas en 1992, especialmente entrenadas e formadas para a prevención e a loita contra os incendios forestais. Pertencen ao Ministerio de Agricultura aínda que se poñen ao dispór das diferentes Comunidades Autónomas para que se utilicen na prevención e na loita contra o lume. Os brigadistas son contratados através da empresa TRAGSA.

«Un traballo con riscos que debe ter unhas condicións axeitadas», indican desde o BNG. Davila destaca ás brigadas de Laza, “consideradas un referente pola súa eficacia nesta materia, e sempre contaron con importantes medios materiais e recursos humanos cun alto nivel de preparación”. Actualmente nas BRIF traballan unas 545 persoas en todo o estado, e en Laza hai máis de medio cento de traballadores.

Critica Davila a devaluación das condicións laborais que practica TRAGSA que “chega a extremos que provocan auténtica vergoña posto que estamos a falar dun traballo que conleva serios perigos e riscos para a vida”. Os traballadores quéixanse dunhas baixas remuneracións que apenas chegan aos 900 euros mensuais. “A precarización laboral é a causa da convocatoria dunha folga indefinida en todas as BRIF do estado a partir do 15 de xullo”. Davila explica que xa o ano pasado demandaron melloras salariais o que lles levou a protagonizar mobilizacións.

A deputada do BNG subliña que “non é un problema de cartos porque as BRIF contrátanse a través de TRAGSA pola adxudicación do Ministerio por unha cantidade económica de 25 millóns de euros. Un orzamento que permitiría que os brigadistas tivesen unhas condicións dignas”.

Ademáis, poñen de manifesto que “a estas alturas aínda non dispoñen dos helicópteros necesarios para poder trasladarse aos posíbeis focos de lume que se produzan. Polo de agora, están a desprazarse en coche”.

A deputada do BNG insta a Tejerina a exixir a TRAGSA melloras laborais para os brigadistas e a subministrarlles os medios precisos para facer o seu traballo.