Por primeira vez, a Universidade Popular de Ourense aproba unhas bases que rexirán a selección dos proxectos formativos que se incluirán na programación do curso 2015-2016. Así se acordou en Xunta de Goberno local.

 

A Universidade Popular é un programa municipal que atende cada ano a máis de 3.000 cidadáns e que require dunha selección transparente das actividades que se incluirán no vindeiro curso. En aras desta transparencia, aprobáronse as bases para a selección de proxectos formativos.

A institucionalización dun servizo destas dimensións debe realizarse no ámbito municipal, ao ser Administración local a máis cercana á cidadanía, o que permite coñecer a realidade concreta e planificar accións axustadas aos problemas que afectan aos diferentes grupos e sectores da poboación, cuns curricula funcionais, flexibles e en función dos intereses e necesidades da cidadanía.

Para acadar os obxectivos previstos é preciso contar cunha oferta formativa que resulte atractiva e interesante para a poboación destinataria. Con tal finalidade a Concelleria de Educación elaborou unhas bases para a selección de proxectos formativos para a Universidade Popular de Ourense no curso 2015-16. Ditas bases responden aos principios de liberdade de acceso, publicidade e transparencia, de non discriminación e igualdade de trato entre os candidatos.