Este verán haberá máis técnicos, máis alumnos e maís operarios municipais na escavación alaricana.

O alcalde de Allariz, Francisco García, xunto aos arqueólogos Adolfo Fernández e Fermín Pérez, presentou este xoves a nova fase de escavacións en Armea. García destacou a importancia que ten a escavación de Armea, poñendo en valor os recursos cos que conta Allariz, non somentes na vila, senón tamén en pobos como Santa Mariña de Augas Santas. Destacou tamén o valor cultural das escavacións, que van permitir completar as actuacións na finca, que cada ano sacan á luz un pouco máis pasado, así como o esforzo que fan Concello e Universidade de Vigo para poder realizar estes traballos.

Esta campaña desenvolverase con estudantes da Universidade de Vigo, que acoden a este campo para a realización de prácticas; tras a sinatura dun convenio entre o Concello de Alalriz e a Universidade de Vigo, no pasado mes de febreiro.

Este ano os traballos dan un salto cualitativo, ao longo de todo o mes de xullo os alumnos estarán nas escavacións polas mañás, e pola tarde poderán facer traballos de laboratorio, como o lavado de cerámica. Este ano haberá máis técnicos, máis alumnos/as e máis operarios municipais; arredor de 20 persoas estarán no traballo de campo.

Asimesmo realizaranse actividades didácticas e visitas guiadas, do mesmo xeito, na terceira semana de xullo farase un obradoiro arqueolóxico cos nenos e nenas de Allariz.

Adolfo Fernández e Fermín Pérez, técnicos directores das excavacións, avanzaron que no mes de setembro realizaranse traballos de conservación e restauración, e que previsiblemente no mes de outubro, a zona estará lista para poder ser visitada.

Tamén resaltaron a importancia e grande acollida que tivo esta campaña entre o alumnado da Universidade de Vigo, feito que imposibilitou abrir a outras universidades de Galicia ou do Estado.