Denis Galán bate o récord galego dos 100 metros en Ourense cun tempo de 10.54, acadouno no Ourense Termal Athletics meeting.
Xa o anunciaban os expertos na materia. A pista de atletismo do campus de Ourense era ideal para que se puideran batir algúns dos récords galegos máis lonxevos; apuntabase sobre todo ao 100 e ao 200 metros lisos no Ourense Termal Athletics meeting. A cita non defraudou, e foi na primeira serie dos 100 metros cando Denis Galán parou o crono en 10 segundos e 54 centésimas (o marcador de pista anunciaba 10.53 pero a corrección subiu una centésima esa marca) para xubilo del e dos presentes. Rompíase, ao fin, un récord que databa do 1986 a cargo do actual presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, quen non dubidou en felicitalo, aos poucos minutos de lograr a proeza, vía redes sociais.
O resto da xornada deixou innumerables marcas persoais e a centos de atletas (de todas as categorías) que puideron gozar dun día de puro atletismo en Ourense.
No 1.500 masculino, Tariku Novales Quinteiro fixo uns magníficos 3:53.79 para un mozo de 17 anos. No peso feminino, aínda que lonxe das súas marcar participou a mellor lanzadora de peso nacional na actualidade, María Belén Toimil Fernández. A atleta do Playas de Castellon lanzou 14.91.
A organización entregou premio aos tres mellores atletas de cada proba, absoluta, sempre e cando superaran os 700 puntos IAAF.
Os mellores
Tamén entregouse premios aos dous mellores atletas, masculinos e femininos, que tiveran mellor puntuación. En categoría masculina, un vello coñecido: Alfonso Palomanes. O saltador do FC Barcelona logrou en triplo salto unha mellor marca de 15 metros e 89 centímetros o que lle outorgou 1.035 puntos, cifra non superada por ningún dos atletas que competiron; nin tan sequera polo flamante «recordman» galego dos 100 metros. Denis Galán obtivo 1.027 puntos.
En categoría feminina foi a atleta do Ría de Ferrol, Leticia Fernandez Barbosa, que se levou o premio á mellor atleta do Ourense Termal. Leticia Fernández voou sobre o tartán ourensán para parar o tempo en 4 minutos 18 segundos e 57 centésimas. Con este tempo a atleta galega logrou 1.061 puntos, sendo a mellor de todos os atletas que se deron cita neste torneo atlético.