Ampliación de plantilla, e regularización salarial dos pluses de nocturnidade son algunhas das súas reclamacións.
Os membros de Ourense en Común Miguel Doval, Óscar Penín e Francisco de Rafael reuníronse con representantes dos bombeiros e dos sindicatos UGT e CIG, Alberto Mosconi e Celso Nóvoa, para escoitar as súas denuncias e demandas sobre o servizo.
Segundo informou nun comunicado Ourense en Común, o motivo da reunión é a redución de persoal no parque de bombeiros de Ourense, que pasou de 71 a 54 persoas debido a que non se repuxeron as prazas vacantes. A solución da administración foi aumentar o número de horas extras e en consecuencia, os bombeiros non teñen redución horaria no verán e ven recurtados outros dereitos. En 2012 os traballadores negáronse a seguir facendo horas extras, pois calcularon que en total fan unhas 1.900 ao ano.
Os representantes dos bombeiros sinalaron que se precisan máis traballadores para o servizo, pero que tamén é necesario dotar de máis traballo aos traballadores e aproveitar e optimizar os recursos dos que se dispón. Indicaron ademais que o persoal fai 300 horas laborais máis que o resto dos funcionarios do Concello.
Ante esta situación, os representantes dos bombeiros solicitan que se cubran as 16 prazas de bombeiros vacantes así como as prazas de mandos intermedios. Actualmente hai 11 bombeiros por quenda, insuficientes para asumir máis dunha intervención e por iso reclaman a necesidade de ter mínimo 12 persoas por turno para contar cunha equipa A e unha B.
Os bombeiros tamén queren que se cree unha mesa de traballo que sistematice o traballo nos eidos de mantemento, compras, protocolos e formación.
As súas reclamacións son tamén laborais, para a regularización salarial dos pluses de nocturnidade e outros, que agora se executan vía decreto da alcaldía e hai algún mes que non se cobra. Non é unha queixa sobre o salario senón sobre o modelo de pago. Os bombeiros Apostan por simplificar eliminado o plus e inseríndoo na base da nómina, como se fai noutras administracións. Calculan que ese modelo será máis eficiente e máis barato.