Ourense en Común solicitará unha rebaixa do 39% no salario do alcalde e porcentual en todos os salarios da corporación municipal.

Ourense en Común acordou en asemblea extraordinaria rexeitar a proposta da Alcaldía sobre o réxime retributivo dos membros da corporación ourensá que se debatirá este luns en sesión plenaria urxente. A proposta do grupo de goberno é manter as asignacións vixentes na anterior lexislatura cunha redución do 5% no salario do alcalde. Un xesto agradecido pola organización municipalista pero que consideran insuficiente. «Nun concello cun 23% de persoas en risco de exclusión social é inmoral manter o réxime retributivo dos membros corporativos da anterior lexislatura», apuntan.

A plataforma cidadá votará tamén en contra da ratificación da urxencia do pleno convocado polo Concello de Ourense. «A asemblea decantouse por condenar as malas prácticas que xa comeza a demostrar a alcaldía, que trata de acurtar os prazos limitando o labor de oposición», explican nun comunicado.

Segundo Ourense en Común a convocatoria de urxencia debeuse evitar ao dispor a alcaldía de dúas semanas para a convocatoria dun pleno extraordinario que non afectara á celebración do primeiro
pleno ordinario do mes de xullo. «Ao esgotar os prazos e enviar a última hora do pasado venres a convocatoria para o luns ás 10h a alcaldía está condicionando o tempo para que o resto de grupos
municipais podan estudar os expedientes, polo tanto está condicionando o labor de oposición e obstaculizando a necesaria fiscalización de toda acción municipal», sinalan desde a nova formación.

Ourense en Común insta ao equipo de alcaldía a mellorar a súa dilixencia de cara a futuro e indica que «a responsabilidade dunha posible paralización do labor de goberno é unicamente da alcaldía, quen rexeita
coas súas prácticas a posibilidade de traballar cos outros grupos municipais».