A deputada do BNG Tereixa Paz, a través dunha proposición non de lei, insta ao Goberno galego a anular a Orde para o curso 2015-2016 que elimina a oferta presencial de FP para persoas adultas no CIFP Portovello de Ourense.

 

Tereixa Paz ven de rexistrar diversas iniciativas co fin de manter a oferta presencial de FP das persoas adultas no CIFP Portovello de Ourense instando ao Goberno galego a eliminar a Orde que suprime o Ciclo Superior de Educación Infantil e o Ciclo Medio de Atención a persoas en situación de Dependencia na oferta presencial para persoas adultas obrigando ao alumnado a cursar estas materias a distancia.

A deputada explica que a Orde elimina na práctica a oferta de persoas adultas, que por razóns laborais ou de conciliación familiar, non pode adaptarse aos estudos de oferta ordinaria. Na actualidade, existen preto de 100 persoas adultas matriculadas nesta modalidade formativa, en ciclos formativos da familia de servizos socioculturais e á comunidade, no CIFP Portovello que na maioría dos casos tería imposíbel adaptarse á modalidade ordinaria.

Para a deputada, os estudos a distancia que se propoñen como alternativa por parte da administración non resolven en absoluto as necesidades educativas dado que esixen competencias e recursos informáticos para poderen desenvolverse dos que na maioría dos casos o alumnado que viña cursando os seus estudos neste centro non dispón.

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego considera que a tenor dos datos de matrícula deste centro nas distintas titulacións nos últimos anos, así coma o alumnado que é avaliado a fin de curso e que accede á FCT non xustifica en absoluto este novo recorte no sistema educativo.

Ourense, única provincia sen oferta en tres modalidades

De manterse os cambios propostos pola administración Ourense será a única provincia que non contará cunha oferta completa nas tres modalidades e só quedaría unha liña do réxime ordinario, de 25 prazas, e unha de persoas adultas a distancia de 50 prazas na cidade ademais dunha reducida oferta de persoas adultas presencial parcial no Barco de Valdeorras e en Viana do Bolo.

Para o Bloque resulta «aínda máis indignante» é que no ámbito dos centros privados de Ourense si que existirán estas ofertas.