Está dirixido a maiores de 45 anos e o seu obxectivo é previr o deterioro das funcións cognitivas.
Dende a Área de maiores dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín, e dentro do programa “Maior oportunidade”, ponse en marcha o obradoiro “Move a túa atención”. A actividade está destinada a persoas de máis de 45 anos que queren previr o deterioro das funcións cognitivas. O obradoiro comezará unha vez se inscriba un grupo dun mínimo de 8 – 10 persoas.
O obxectivo deste obradoiro é acadar unha mellora nos procesos da atención, linguaxe, percepción, organización da información, orientación, memoria, etc. Actividades de manexo das emocións e pautas de mellora de hábitos cotiáns.
Para revitalizar o corpo e a mente precísase unha estimulación necesaria que amplíe potencialidades e merme deficiencias. As persoas que viven un ciclo de cambio, froito dunha realidade acelerada, cambios no seu rol social ou debido ó paro ou a próxima xubilación, poden fortalecer as súas capacidades adestrando os seus procesos básicos de pensamento.O ambiente social estimulante axuda a adestrar capacidades psicolóxicas, adaptarse ós cambios, e animar as expectativas futuras.
A metodoloxía do obradoiro consistirá en tarefas prácticas empregando dinámicas grupais, exercicios motrices asociados a procesos cognitivos, técnicas de debate,etc. Manter en forma as funcións cerebrais protéxenos cara ó futuro.
Para máis información e facer a inscrición nos Servizos Sociais Comunitarios de Verín – Área de maiores – ou no 988 41 47 76.