O 4 de xullo terá lugar en Celanova a 3ª Foliada Cultural, un percorrido no que o patrimonio de Celanova se mesturará co son da música tradicional.
Este evento toma a testemuña das foliadas celebradas, organizadas por iniciativa espontánea dun grupo de persoas amantes da música tradicional e músicos coma Alexandre Ruíz, nas que se convidaban a veciños e visitantes a unirse a unha xornada festiva coa música tradicional como protagonista polas distintas tabernas e bares de Celanova. Nesta terceira ocasión a colaboración do Concello de Celanova e a Fundación Curros Enríquez engade un atractivo maior a este percorrido incorporando visitas culturais coa intención de que a música tamén chegue a puntos como a Casa dos Poetas e o Mosteiro de San Rosendo. Os organizadores destacan tamén a colaboración do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro que permitirá a visita ás súas instalacións ós participantes desta Foliada.
Esta ‘Foliada cultural’, aberta a todo aquel que queira participar traendo un instrumento, cantando ou simplemente achegando bo humor, terá como punto de inicio a Casa dos Poetas. Ás 12 horas os asistentes realizarán unha lectura informal de poemas. A partir deste momento a música das gaitas, das pandeiretas e as cancións tradicionais percorrerán as rúas de Celanova realizando un paseo ata o Mosteiro de San Rosendo. Durante toda a xornada farase un percorrido por algúns dos locais colaboradores da vila como son a Taberna O Tellado, o restaurante o Forno do Lito, o Bodegón Trigal, Casaberta, o Bar Los claveles e o Mesón Vieira.