O equipo sénior do Baloncesto Pabellón ten moi complicado poder estar a vindeira tempada na Liga Feminina 2.

14.000 euros de aval están a ser unha rocha infranqueable para que o Pabellón milite o ano que vén na LF2. A situación que está a atravesar o club é tan crítica que incluso pode que tampouco saia na categoría anterior (Nacional) e o faga en Autonómica.

Un grupo de persoas vinculadas ao club estanse a mover para lograr os cartos que lles permitan seguir na segunda categoría do baloncesto español. Pero a dificultade é moita e rematado o período marcado pola Federación non puideron abonar a cantidade pedida. Unha segunda oportunidade abriuse ao non completar a Federación Española de Baloncesto o número de equipos que quere ter na LF2.

Dimisión de Carmen Limia
E con estas, Carmen Limia dimite como presidente do club. Despois de cinco anos ao fronte do Baloncesto Pabellón, Limia dimite porque se ve incapaz de reverter unha situación que está a levar ao club á súa desaparición.

O club tiña unha débeda de 250.000 euros da que ten saldado 50.000. Ademais debe ao redor de 17.000 euros noutros conceptos.

Limia deixa o cargo de presidenta pola iincapacidade de xerar recursos privados, «as empresas están mal e non vou ir a pedir a unha que ten dúas nóminas sen pagar aos seus empregados», explicaba; unido a que as subvencións públicas cada vez son menores.

Carmen Limia criticaba duramente ás institucións (Concello e Deputación á cabeza) pola súa deixadez co deporte feminino. O club pasou de percibir 50.000 euros de cada institución a recibir 11.000 do Concello, 7.000 da Deputación e 18.000 euros da Xunta. A xa ex presidenta denunciou que a única administración que se preocupou «por nós foi a Xunta. Lete Lasa visitounos dúas veces para saber en que situación estabamos».

Base
Limia apuntaba, neste senso, que as institucións falan moito de apoiar á base pero «saben o que custa mantela? Podemos facer números e ver ao que chega o que dan».

En principio e segundo palabras de Benxamín Rodríguez, adestrador do primeiro equipo, «a base ten asegurada a súa continuidade».