A Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude de Ourense recupera esta actividade histórica, que terá lugar este sábado no campus.

 

A Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude de Ourense realiza unha nova  acción reivindicativa. Este sábado 11 de xullo, volverán á rúa cunha actividade sociocultural, histórica da Casa da Xuventude e que durará todo o día. Trátase do “Maio Xove”, que dará comezo ás 12 horas no campus universitario, xunto ao Pavillón de Estudantes, e que inclúe representacións teatrais, baile, obradoiros de zancos e malabares, campionatos de fútbol chapas, concertos e moito máis.

Dende esta iniciativa cidadá aseguran que non cesarán as queixas até que se cambie “o modo de traballo da Casa”.

Programa
O “Maio Xove” deste sábado dará comezo ás 12 cunha representación de Marañao Teatro. Ás 12:30 haberá un obradoiro/exhibición de zancos e malabares; ás 13, campionato de fútbol-chapas e ás 14, xantar conxunto.

Xa pola tarde, ás 16:30 será o momento da representación de Sketchs Teatro e ás 17 haberá contacontos. Ás 17:30 terá lugar unha jam session e a partir das 19 horas darán comezo os concertos, de Priscila, Os Amigos dos Músicos e The Tetas´ Van.

Ademais, durante toda a xornada haberá coloquios, exposicións, pintado de murais, etc.