Allariz homenaxea do 10 ao 12 de xullo ao seu patrón.

Os festexos dan comezo o venres 10 ás 20:30 horas co concerto do coro do IES Val do Tea de Ponteareas na Igrexa de San Bieito. Ás 23 horas, a compañía teatral Malasombra representará “D.E.P.” na Casa da Cultura.

O sábado 11 de xullo, a festa comeza ás 12 co disparo de bombas para anunciar a festa e desfile de xigantes e cabezudos. Xa ás 20 horas terá lugar o concerto da Banda Unión Musical de Allariz na Alameda, e ás 22 horas verbena, coa actuación de Coanhadeira e O Sonoro Maxín, e sesión pinchadisco.

O domingo 12, ás 10 da mañá as bombas e o pasarrúas a cargo da Banda Xuvenil de Xinzo (de Pontevedra) animarán aos veciños a comezar o festexo. Ás 11:30 celebrarase a procesión solemne de San Bietio, acompañada de xigantes e cabezudos, e bandas de música e gaitas.

Ademais, ás 13:30 e ás 20 horas terán lugar dous concertos da Banda Xuvenil de Xinzo (de Pontevedra) na Alameda. Tamén ás 20 horas, Ghazafelhos porá en escena “As mil e unha noites”, no Campo dos Brancos. E ás 21 horas actuará a Orquestra Nevada na Barreira. O fin de festa correrá a cargo dos fogos de cores de Pirotécnia Josman, no Campo de Vilanova.

Actos relixiosos
Así mesmo, ata o 11 de xullo haberá a novena a San Bieito ás 19.30 horas, seguida de misa ás 20 horas.  Ademais, o sábado 11 e o domingo 12 haberá misas desde as 8 da mañá cada 45 minutos. O sábado a Misa Solemne será ás 12 do mediodía, e o domingo ás 11.30, comezando coa procesión.