O Concello de Vilar de Santos finalizou varias actuacións de renovación e mellora viaria e conservación e protección do medio rural e natural nas que investiu 109.724 euros.
Cun orzamento total de 83.454 euros, o municipio limiao executou un Proxecto de mellora de camiños rurais, incluído dentro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, financiado polo FEADER. Este proxecto significou a mellora nun total de 17 km da rede municipal de camiños agrícolas da concentración parcelaria e outros camiños de acceso. Un total de 24 camiños nos pobos de Laioso, Bréixome de Arriba, Bréixome de Abaixo, A Venda, Toxediño, Outeiro, Parada, O Vieiro, A Ponte, O Mosqueiro, Castelaus, As Casas da Veiga e Vilar de Santos. Realizáronse obras de nivelación e acondicionamento das pistas con zahorra e posterior limpeza de cunetas para evitar os encharcamentos e desbordamentos.
Na zona de Rede Natura do concello investironse un total de 6.269,97 euros nun quilómetro máis de camiños nunha actuación dirixida á mellora da paisaxe agraria coa limpeza e restauración das pistas de acceso ás fincas desta zona do río Limia.
Explica o rexedor de Vilar de Santos, Xan Jardón, que estas actuacións son «fundamentais tanto desde o punto de vista de mellora e renovación das infraestruturas como desde a actividade agraria e súmanse ao arranxo e mellora de 19 Km de camiños feitos o ano pasado».
Con este programa bianual de mellora, quedaron reparados e renovados 37 k de camiños, practicamente a totalidade da rede municipal de camiños agrícolas fundamentais para facilitar o tránsito e o acceso ás fincas, granxas e outras instalacións pero tamén para tratar de previr os efectos negativos do encharcamento de auga nos camiños e nas terras de cultivo e manter a actividade e dinamismo no sector agrogandeiro, estratéxico para o concello.
Vilar de Santos tamén realizou un proxecto de renovación da pavimentación asfáltica na rede viaria en varios pobos, por un importe de 20.000 euros.
Jardón anuncia a realización «doutros traballos de recuperación de camiños tradicionais, o desbroce e limpeza en todos os pobos e espazos públicos e a limpeza dos regatos e desaugadoiros do concello ao longo do verán».