A cidade de Ourense acolle a vindeira semana unha iniciativa destinada a espertar a conciencia solidaria dos seus veciños e veciñas a prol da doazón de sangue e da conservación do medio ambiente.
“Axuda a vivir. Doa sangue e planta unha árbore” é o lema baixo o que se desenvolve a campaña de “Amigos da Terra” e o Centro de Transfusión de Galicia. A iniciativa terá lugar entre os días 20 e 24 de xullo e tenta acadar un dobre obxectivo: aumentar as doazóns de sangue no verán, indispensables para o desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais galegos, e seguir traballando na concienciación e sensibilización social a prol da conservación do medio ambiente.
Dobre obxectivo
Durante a vindeira semana, voluntarios de “Amigos da Terra” distribuirán información sobre a doazón de sangue e ofreceran aos cidadáns que participen activamente neste xesto solidario a posibilidade de plantar unha árbore por cada doazón que se rexistre.
As unidades móbiles do Centro de Transfusión de Galicia distribuiranse do seguinte xeito: o luns 20, de 15:30 a 21 horas, na praza da Marina; o martes 21, de 09.30 ás 14.30 e de 15.30 ás 21.00 h, na rúa Vila Real do Couto; o mércores 22 no Posío, tamén en horario de mañá e tarde; e o xoves 23 e venres 24 na rúa do Paseo, de 09.30 ás 14.30 e de 15.30 ás 21.00 h.
Labor de concienciación
O verán é unha época de gran dificultade para manter a participación nas campañas de doazón de sangue. Moitas persoas disfrutan de vacacións e mudan o seu domicilio habitual, pero os doentes nos hospitais continúan a precisar a solidariedade dos cidadáns. De xuño a setembro os hospitais precisan preto de 40.000 doazóns de sangue para atender a actividade asistencial ordinaria e mesmo o incremento dos accidentes de tráfico.
O sangue é un elemento que non se pode fabricar, que achega os elementos para a nutrición e defensa do noso organismo, e que precisan moitas persoas para recuperar a saúde ou salvar a súa vida. Cada día en Galicia son necesarias 500 doazóns de sangue para que os nosos hospitais podan realizar unha media de 550 intervencións cirúrxicas, atender máis de 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos ou tecidos.
Durante a campaña desenvolvida por Amigos da Terra e o CTG en xullo do pasado ano 2014 houbo un total de 220 doazóns de sangue, das que 16 foron realizadas por cidadáns que efectuaban a súa primeira doazón de sangue. O ano pasado, na capital ourensá acadáronse un total de 4.729 doazóns de sangue, o que significa 44 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).