Para consensuar unha modificación da ordenanza do casco antigo verinés.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, reuníronse este martes na rúa Maior, xunto con outros membros de goberno, cun cento de veciños para consensuar a modificación da ordenanza do casco antigo de Verín.
O novo goberno, con esta acción, busca comezar o seu novo modelo de xestión política «baseado na democracia directa, participación cidadá, debate de ideas e no contraste de opinións e decisións vinculantes para o goberno».
Na reunión, veciños e comerciantes amosarn as súas posturas e debateron cos membros de goberno sobre as vantaxes e os inconvenientes da actual peatonalización da zona antiga imposta pola anterior administración. Gerardo Seoane propuxo unha ordenanza «de proba e revisable» na que se permitirá o tráfico nuns horarios determinados e que se ira axustando progresivamente segundo a súa efectividade.
Tamén se fixo especial fincapé na necesidade de valorizar a zona antiga, punto no que todos os asistentes estaban de acordo. Gerardo Seoane explicou que, para lograr valorizar a zona, vanse tomar medidas de rehabilitación de edificios en ruínas, limpeza das rúas, eliminación de colectores e labores de embelecemento da zona no que a unificación da imaxe da zona antiga se refire.