Esta asociación organizou recentemente dous novos talleres sobre estas dúas importantes temáticas.
A Asociación Escola Rural de Saúde da Limia finaliza dous novos talleres.
O primeiro consistiu nunha aula animada para maiores do medio rural, co fin de promover o envellecemento activo, asociado á prevención da discapacidade e á promoción da saúde. Trátase dun espazo que contribúe a propiciar o fomento e a dinamización social das persoas maiores a través de actividades lúdicas e formativas, recoñecendo e pondo de relevo a importancia do papel que veñen desenvolvendo na sociedade.
É obxectivo destes talleres o impulsar a plena integración das persoas maiores da zona rural, sendo participativos e dinámicos, favorecendo que estes permanezan nos seus fogares, mellorando deste xeito a súa calidade de vida.
O segundo dos talleres realizados recentemente tivo como contido o cancro e a súa prevención. Paradela de Abeleda (A Porqueira) foi o lugar escollido pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense para achegarse á zona rural e dar información sobre o conxunto de accións que se poden realizar co fin de diminuír a incidencia e/ou mortalidade por cancro.
O Taller “O cancro e a súa prevención”, impartido por Milagres Pereira, traballadora social de AECC, realizouse a tarde do 14 de xullo no Centro Social deste municipio, onde se informou de que actualmente sábese que certos hábitos pouco saudables supoñen un alto factor de risco e poden provocar cancro. Un dato: sete de cada dez cancros poderíanse evitar.
Organizado pola Asociación Escola Rural de Saúde dá Limia, dentro do «Proxecto Intervención sociosanitaria e educación integral para a saúde na zona rural» e subvencionado pola Deputación de Ourense, contou para a súa realización coa colaboración do Concello da Porqueira así como co apoio dos veciños de Paradela e a súa contorna, comprometidos e sabedores de que todos temos a capacidade de levar unha vida máis saudable.