Esta dotación, financiada integramente pola Consellería, beneficiará aos máis de 3.000 habitantes dos concellos de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Porqueira.

 

O Consello da Xunta aprobou o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de Vilar de Santos, para a construción dun punto limpo no municipio.

Esta actuación enmárcanse no desenvolvemento do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 e contará cunha achega económica do Goberno galego de case 350.000 euros, é dicir, o 100% do importe necesario para a súa construción.

O futuro punto limpo de Vilar de Santos permitirá realizar a xestión de residuos sólidos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade.

Entre os obxectivos fundamentais desta infraestrutura -que beneficiará a máis de 3.000 veciños de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Porqueira- atópanse os de separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o medio ambiente ou a saúde; evitar o vertido incontrolado de escombros e residuos voluminosos coma mobles ou electrodomésticos; e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.

Na actualidade, son 139 os puntos limpos municipais financiados pola xunta na comunidade que xa están rematados rematados; e seis máis (incluído o de Vilar de Santos) atópanse en fase de proxecto, licitación e construción.

A Xunta prevé que o número de instalacións deste tipo supere as 250 antes de finais de 2020. O investimento previsto para a creación e xestión de novos puntos limpos, así como o mantemento dos xa existentes, ascende a máis de 21 millóns de euros, cun investimento concreto de 1,7 millóns de euros para este ano.