A décima edición da feira terá lugar en Verín do venres 7 ao domingo 9 de agosto.
Esta edición contará coa participación de 16 das 24 adegas que conforman a D.O, seis máis das que tomaron parte en 2014. Trátase dun éxito de adhesión sen precedentes na historia deste foro vinícola, que este ano acada a súa décima edición.
O acto de inauguración terá lugar as 20 horas do venres 7 de agosto na Alameda de Verín, escenario no que se desenvolverá a Feira neste ano 2015. O pregoeiro será Manuel Villanueva, director de contidos de Mediaset España. A continuación, terá lugar o acto de inauguración da Feira, que estará presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e no que intervirán o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños.
Novos cofrades
Logo da inauguración, tras o pregón e o percorrido das autoridades polos stands participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladarase a igrexa da Mercé de Verín, un dos referentes culturais da vila, onde se procederá á imposición de medallas a catro novos membros da Confradía dos Viños de Monterrei. Serán o propio pregoeiro, Manuel Villanueva, así como a Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia, un dos membros máis veteranos da cata da D.O. Monterrei, Fernando Castro, e, en representación do sector produtivo, a viticultora de 83 anos Isabel Alonso.
Nova uibicación: a Alameda
Durante a presentación da feira fai unhas semanas, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Asunción Rodriguez Zarraquiños, aludiron ao cambio de ubicación da Feira, agora na Alameda, como o lugar máis idóneo para responder ás demandas dun maior número de expositores. Xunto a isto, o rexedor e a presidenta da D.O de Monterrei fixeron un chamamento ao público para que se achegue ata Verín, nas datas nas que se celebra a Feira, a coñecer de primeira man a singularidade dos viños da zona. Neste sentido, a organización confía en superar a cifra de 15.000 degustacións rexistrada o ano pasado.
Os stands da feira estarán abertos o venres 7 de 20.00 a 23.00 horas; o sábado 8 de 12.00 a 14.30 h e de 19.00 a 24.00 h; e o domingo 9 de 11.00 a 14.30 h. e de 19.00 a 23.00 h.
Axenda de actos
Gastronomía, música e viño xuntaranse un ano máis no marco da Feira do Viño da D.O de Monterrei. Así está previsto, segundo confirmou a concelleira de cultura de Verín, Emilia Somoza, que a inauguración da Feira estea amenizada pola Banda de Gaitas do Concello de Verín.
Na xornada do sábado 8, na Alameda e coincidindo cos stands da tarde, proponse unha actividade dirixida fundamentalmente aos cativos: a ludoteca infantil. Mentres os máis pequenos gozan con xogos infantís, sempre atendidos por monitores, os adultos poderán degustar as diferentes variedades dos viños de Monterrei. O recinto da feira estará amenizado pola charanga Ideal e os asistentes presenciarán a chegada dunha concentración de bicicletas de época que rematarán o seu paseo no espacio da Feira do Viño. Xa pola noite, o público contará coa verbena Primera Línea.
O domingo 9 de agosto, a Feira do Viño arrinca, pola mañá, cunha sesión vermú e a actuación da Disco Móvil Jorge. Pola tarde, coa apertura dos stands, os asistentes volverán a contar coa ludoteca infantil e, nesta ocasión, vivirán un momento enxebre coa actuación de Candaina. Cánticos, baile e pandeireta acompañarán aos asistentes ata a clausurado evento, momento no que volverá a Disco Móvil Jorge para despedir a Feira do Viño bailando.
Bodegas participantes e colaboradores
As 16 adegas participantes nesta X edición da Feira do Viño de Monterrei son as seguintes: Bodegas Ladairo, Bodega Pazos del Rey, Adegas Pazo das Tapias, Gargalo, José Luis Gómez Ibáñez, Adega Crego e Monaguillo, O Cabildo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Boo Rivero, Manuel Guerra Justo, Concepción Paradela Martínez, Bodega Pazo de Valdeconde, Bodega Tabú, Franco Basalo.
Na rolda de prensa, o alcalde de Verín e a presidenta do Consello Regulador quixeron agradecer a implicación de todos os adegueiros participantes e a das institucións e entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, MAGRAMA, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), concellos de Oímbra, Monterrei, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós, AECT e Portas de Galicia.