Manuel Baltar confirmoulle á presidenta da Asociación “Morea” a achega do goberno provincial, que se fará efectiva nos orzamentos de 2016, que se aprobarán en setembro.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no seu despacho do Pazo Provincial á presidenta da Asociación de Familiares e Enfermos Mentais “Morea”, María Ángeles Fernández, acompañada polo vicepresidente do Parlamento de Galicia e voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, Miguel Santalices. Na xuntanza analizaron a situación dos servizos sociais na provincia de Ourense e os proxectos que está a desenvolver o goberno provincial neste ámbito, entre os que figuran o Plan BenOurense.

Manuel Baltar confirmoulle a María Ángeles Fernández que a Deputación destinará nos orzamentos de 2016 –que se aprobarán o vindeiro 25 de setembro- a cantidade de 50.000 euros para o servizo de protección xurídica de persoas con discapacidade por enfermidade mental, que leva a cabo “Morea”. O obxectivo é realizar proxectos que redunden na mellora da calidade de vida dos enfermos mentais e das súas familias na provincia de Ourense e, en concreto, dar cobertura a situacións no ámbito laboral e na protección xurídica.

“Morea” naceu no ano 1994 como un pequeno grupo de familiares de persoas con enfermidade mental crónica de Ourense, unidos pola necesidade de facer fronte ás problemáticas socio-sanitarias que xera o coidado deste doentes. Hoxe en día, a asociación “é coñecida, respectada e valorada, -explica a presidenta- e cos apoios e recursos necesarios as persoas afectadas e as súas familias poden desenvolver unha vida plena e digna”.